5 de set. de 2008

Pleno Extraordinario solicitado polo grupo municipal do BNG

O BNG DE PORTAS DENUNCIA A PASIVIDADE DO GOBERNO MUNICIPAL DO PP DIANTE DA DESTRUCCIÓN DE PATRIMONIO PÚBLICO
O VENRES 5 DE SETEMBRO O BLOQUE PRESENTOU UNHA SOLICITUDE DE PLENO EXTRAORDINARIO NO CONCELLO PARA A RECUPERACIÓN DA FONTE PÚBLICA E LAVADOIRO DA REGUEIRA EN FONTENLA (LANTAÑO)

O luns 18 de febreiro de 2008, un particular destruíu a Fonte Pública e Lavadoiro da Regueira no lugar de Fontenla-Cachadas, parroquia de Lantaño.

A pesares das protestas dos veciños e veciñas do lugar e de que a desaparición da Fonte-Lavadoiro sucedeu hai máis de 6 meses, o Goberno Municipal do Partido Popular, incumprindo acordos plenarios, non tomou medidas para o seu restablecemento, negándose incluso a responder ás preguntas do Bloque realizadas nos plenos ordinarios.

No pleno ordinario de 25 de abril, no que se incluíu unha moción do BNG de Portas para tratar da recuperación da Fonte-Lavadoiro, tomouse o acordo unánime de fixar un prazo de 3 meses para que o infractor procedese a restablecer a legalidade urbanística e á reconstrución do Lavadoiro.

Pasado o prazo establecido en acordo plenario sen que se repuxese a Fonte-Lavadoiro nin a legalidade urbanística e ante a pasividade do Goberno do Partido Popular, o BNG toma a iniciativa de convocar un pleno extraordinario e forzar a toma de decisións.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que o Concello de Portas debe informar das xestións levadas a cabo para a reposición da Fonte-Lavadoiro e o seu entorno, proceder subsidiariamente á reconstrución de forma urxente da Fonte-Lavadoiro, sancionar ao infractor e delimitar a propiedade municipal para garantir o acceso público e libre.