16 de abr. de 2008

O servizo municipal de recollida de lixo está a usar a finca da Azucreira como vertedoiro ilegal

A finca da Azucreira atópase nun abandono absoluto ante a indolencia do goberno municipal do Partido Popular.

Dende hai semanas o servizo municipal de recollida de lixo está a depositar todo tipo de escombro e voluminosos na finca da Azucreira. Mobles vellos, ferros oxidados, colchóns, cristais, colectores rotos e todo tipo de lixo acumúlase a escasos metros da Galescola, o Centro de Día e o auditorio municipal, co perigo que esto supón.

O abandono da finca é practicamente absoluto. Se ata agora as obras incompletas, o escombro e a maleza se extendían incontroladamente por todas as partes, dende hai unhas semanas hai que engadir un vertedoiro ilegal creado polos propios servizos municipais, sen que o goberno municipal do Partido Popular lle poña freo e tome medidas.

Son varias as obras en execución na finca, comezadas hai anos e sen horizonte de finalización, que carecen de balizamento e sinalización, supoñendo un risco para os cativos que xogan nas instalacións próximas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno Municipal de Portas que poña fin ao deterioro da finca da Azucreira. O BNG esixe a retirada inmediata dos verquidos de lixo, o valado e sinalización das zonas en obras e o mantemento axeitado das zonas axardinadas.