13 de abr. de 2008

Cea-Xuntanza de homenaxe a Pepe Abalo

O venres 11 de abril de 2008 celebrouse no Restaurante Sete Arcos de Godos una cea-xuntanza coa presenza de máis de 80 amigos e simpatizantes do Bloque de Portas para homenaxear a Pepe Abalo polo seu compromiso co Concello de Portas e os seus veciños e veciñas.


Susana Antón deleitounos cunhas palabras hacia Pepe:

"Boas noites. Acabamos de desfrutar dunha cea moi animada, con boa comida, con bo ambiente... Unha noite de primavera nun mes emblemático e cheo de evocacións... Confeso que me gusta o mes de abril: de xeito especial.
Abril é o mes da revolución máis fermosa de tódolos tempos, aquela que tivo lugar no país no que seguramente noutras circunstancias non me importaría vivir, o cercano Portugal. Falo, por suposto, da inesquencible revolución dos caraveis...
Se nos remontamos bastantes anos atrás, outro día de abril abriuse unha gran esperanza de liberdade que aínda hoxe conmove a nosa memoria e que parecía albiscar unha nova realidade para esta nación de nacións.
Revolución, república... Fermosas palabras, como fermoso é o motivo que nos trouxo esta noite ata aquí. Existe unha Gran Historia, con maiúsculas e existe tamén a cotiá, a que se nutre dos nosos fitos persoais. Penso que para nós, este 11 de abril ficará no nosa historia particular como unha data especial.
E seguindo coas palabras, hai algunhas que me gustan especialmente: amizade, bondade, xustiza, ilusión, liberdade... igual que hai actitudes que prefiro por enriquecedoras, sorprendentes ou distintas. Gústame atopar xente da que aprender, xente a quen poida admirar, xente que sexa pura e inequívoca de conviccións, coherente e consecuente na súa actuación, constante e lúcida na loita polos seus ideais...
Creo que a vida é unha aprendizaxe. Aprendemos de moitos xeitos e cada un escolle o que lle vale , o que lle chama a atención ou aquel que simplemente lle interesa mais, sen dúbida, a maneira máis gratificante de facelo é a través dos feitos dos demais, da observación destes comportamentos e da reflexión que eles nos provocan.
Ás veces, isto conleva unha revolución dentro de nós e, de súpeto, descobres cáseque unha realidade paralela e es consciente de que hai formas de estar na vida que son as realmente valiosas, as que deixan pegada e que son xerme de transformación.
E transformar para mellorar o que nos rodea é un obxectivo bo , que engrandece a quen o intenta.
Transformar a nosa realidade máis próxima é, por outra banda, a única maneira posible de cambiar o mundo.
Xa falei de aprendizaxe anteriormente, mais creo que é un concepto moi axeitado ao motivo que fai que hoxe esteamos aquí todos nós. Esta é unha reunión de amigos para homenaxear e mostrar o noso afecto e admiración a unha persoa extraordinaria. Esta é unha homenaxe a Pepe Abalo de quen eu, e todos e todas as que estivemos preto del ao longo destes anos dentro e fóra do concello, aprendemos:
Honestidade, entrega, valor, esforzo, dignidade.
E trinta anos son exemplo máis que suficiente e contundente de constancia, de loita para intentar mudar e mellorar as cousas.
Verdadeiramente é un privilexio o coñecer a unha persoa cunha calidade e calidez humana tan intensa como Pepe.
Por iso, Pepe, sentimos o orgullo e a alegría de poder estar hoxe tantos amigos preto de ti para agradecerche todo o traballo que desenvolveches ao longo deste tempo e para lembrarche que non estamos dispostos a prescindir dunha persoa da túa valía.
E, para rematar, como esta é unha noite máxica, gostaría de ler unha pequena historia do escritor urugaio Eduardo Galeano. A historia di así...
Un home do pobo de Neguá, na costa de Colombia, pudo subir ó alto ceo. Á volta, contou. Dixo que contemplara, dende arriba, a vida humana. E dixo que somos un mar de pequenos lumes:
O mundo é iso, revelou. Un montón de xente, un mar de pequenos lumes.
Cada persoa brilla con luz propia entre todas as demais. Non hai dous lumes iguais.
Hai lumes grandes e lumes pequenos e lumes de tódalas cores.
Hai xente de lume sereno , que nin se entera do vento e xente de lume tolo que enche o aire de muxicas.
Algúns lumes, lumes bobos, non alumean nin queiman, pero outros arden a vida con tantas ganas que non se pode miralos sen deslumbrarse e quen se achega e eles, ilumínase.
Que saibas, Pepe , que ti es un deses grandes lumes que iluminan sempre."
Posteriormente, fíxoselle entrega duns agasallos de recordo: un retrato en carboncillo, unha figura de cerámica e un ramo de flores.
Por último, Pepe Serantes adicoulle un poema de Bertolt Brecht:
Á boa xente coñéceselle
en que resulta mellor
cando se coñece. A boa xente
invita a mellorala, porque
que é o que a un o fai sensato? Escoitar
e que lle digan algo.

Pero, ao mesmo tempo,
melloran ao que os mira e a quen
mira. Non só porque nos axudan
a buscar comida e claridade, senón, ainda máis,
sonnos útiles porque sabemos
que viven e transforman o mundo.

Cando se acude a eles, sempre se lles encontra.
Acórdanse da cara que tiñamos
cando os vimos por última vez.
Por moito que cambiaran
-pois eles son os que máis cambian-
resultan ainda máis recoñecibles.

Son coma unha casa que axudamos a construír.
Non nos obrigan a vivir nela,
e en ocasións non nolo permiten.
Por pouco que sexamos, sempre podemos ir a eles, pero
temos que escoller o que levemos.

Saben explicar o porqué dos seus agasallos,
e se despois os ven arrinconados, rinse.
E responden ata nesto: en que,
se nos abandonamos,
abandonámolos a eles.

Cometen erros e rimos,
pois se poñen unha pedra no lugar equivocado,
vemos, ao mirala,
o lugar verdadeiro.
O noso interese gañan cada día, o mesmo
que gañan o seu pan de cada día.
Interésanse por algo
que está fóra deles.

A boa xente preocúpanos.
Parece que non poden realizar nada sos,
propoñen solucións que esixen ainda tarefas.
En momentos difíciles de barcos naufragando
de pronto descubrimos fixa en nós a súa mirada intensa.
Ainda que tal como somos non lles gustamos,
están de acordo, sen embargo, con nós.