12 de abr. de 2008

Estado de Conservación do Colexio Público "Domingo Fontán" de Portas

O colexio público “Domingo Fontán” está nun estado moi deficiente, motivado pola falla de mantemento, que provoca que se produzan situacións de perigo para a seguridade dos nenos e nenas nalgúns lugares do patio, como:
  • no patio cuberto de primaria, onde os ferros están oxidados e picados, e a cubricción de uralita traslúcida está a desfacerse,
  • os campos asfaltados teñen o piso levantado polas raíces das árbores, con pedras visibles á vista e incluso hai buratos debaixo da canastra,
  • o valado de peche do recinto escolar está nun estado ruinoso nalgunhas partes,
    a entrada do colexio está nun estado lamentabel con pedras, socabóns e fochancas,
  • a instalación eléctrica na parte máis antiga do colexio está a dar problemas.

Ademáis, tamén hai que ter en conta que:

  • non se rematou de pintar a parte máis antiga do colexio,
  • non se sustituiron as portas das aulas do edificio antigo,
  • os patios cubertos aláganse cando chove,
  • nos campos de xogo non asfaltados as tapas non teñen unha protección axeitada.

Por outra banda, os horarios actualmente establecidos de entrada no centro escolar e das comidas son totalmente inadecuados. Os cativos comezan as clases ás 9:45 h imposibilitando a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e provocando situacións de perigo cando menores de idade quedan desatendidos na casa ou ao coidado dos irmáns maiores. Ademáis, o segundo turno de comida comeza ás 15:05 h, polo que os alumnos de Secundaria só teñen 25 minutos para xantar antes de coller o autobús de volta para as súas casas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que o colexio público é unha das institucións máis importantes do Concello de Portas. A educación pública de calidade é un dereito dos nosos nenos e nenas, sen ter que renunciar á conciliación da vida familiar e laboral dos pais. O BNG esixe que se cumpra o acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fregamp para o desenvolvemento do pacto local asinado en maio de 2007.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes
ACORDOS
  1. Apoiar a petición dos pais de alumnos e do Consello Escolar para adiantar o horario de entrada dos alumnos no centro escolar para unha mellor conciliación da vida familiar e laboral.
  2. Instar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a realización urxente das obras necesarias no colexio público “Domingo Fontán” para garantir a seguridade dos usuarios e unha adecuada conservación das instalacións.
  3. Asumir as obrigas que o Concello de Portas ten co colexio “Domingo Fontán”, en base ao acordo asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a FREGAMP.