14 de mar. de 2008

O BNG propón un Programa de Dixitalización no Concello de Portas

O Concello de Portas foi o último concello do noso entorno en acadar o acceso á banda ampla de internet.
As competencias en Telecomunicacións de Internet tenas o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Estado Español e non están transferidas na nosa Comunidade Autónoma, polo que non é responsabilidade da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio está a promover a nivel estatal un “Programa de extensión do acceso á banda ampla en zonas rurais e ailladas”. Como consecuencia deste programa o Concello de Portas dispón, segundo o núcleo de poboación considerado, de acceso á banda ampla mediante diversas tecnoloxías: ADSL Rural, WIMAX ou Satélite.
O desenvolvemento deste programa no Concello de Portas a 18 de febreiro de 2008 é:

En concreto a tecnoloxía sen fíos denominada Wimax está dispoñible en case todo o Concello dende a lo menos xaneiro de 2008, e permite dispor de acceso a internet sen ter conexión á rede telefónica convencional polo que pode dar servizo a toda a poboación aínda que esté aillada. Sen embargo, a empresa que instalou o sistema e que o explota está a pór moitos atrancos para a contratación do mesmo.
O servizo Wimax pódese contratar con Telefónica en catro modalidades diferentes segundo a velocidade de conexión:
1. Velocidade de 256 kb a 39 €/mes.
2. Velocidade de 512 kb a 75 €/mes.
3. Velocidade de 1 Mb a 120 €/mes.
4. Velocidade de 2 Mb a 150 €/mes.
Ademáis o custo de alta é de 39 € e a instalación da antena no exterior da vivenda e o cableado no interior da vivenda ata o ordenador é de 126 €. Prezos sen IVA.
A velocidade máxima do servizo ADSL Rural, en caso de estar dispoñible, é diferente segundo o núcleo de poboación (algúns exemplos: Casal, Bouza ou A Estación teñen ata 3 Mb, Cachal ou Paredes teñen ata 1 Mb, Vilavedra 512 kb, etcétera). Os prezos ofertados por Telefónica son (custo de alta 39 €):
1. Velocidade de 512 kb a 39 €/mes.
2. Velocidade de 1 Mb a 75 €/mes.
3. Velocidade de 2 Mb a 120 €/mes.
4. Velocidade de 4 Mb a 150 €/mes.
Por último a tecnoloxía Satélite está dispoñible en case todo o Concello, e permite cunha antena parabólica acceder a “descargar” (dirección rede-usuario) a velocidade de banda ampla pero para “subir” (dirección usuario-rede) a velocidade está limitada á liña de fíos convencional, polo que non resolve o problema de conexión nunha das dúas direccións. Os prezos mensuais e os gastos iniciais tamén son moi elevados.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que a banda ampla de internet é un servizo básico para a poboación e que polo tanto debe ser accesible en igualdade de condicións para todos os cidadáns independentemente de se viven no rural ou na cidade. O BNG considera que os prezos ofertados son desproporcionados e inxustos pois son moi superiores aos existentes en zona urbana para o mesmo nivel de servizo prestado.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes

ACORDOS

1. Instar ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a ampliar o acceso á banda ampla de internet en toda a extensión do Concello de Portas.
2. Instar á empresa Telefónica S.A. a que iguale os prezos de acceso á banda ampla no medio rural cos prezos do servizo equivalente en zona urbana.
3. Instar ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a que promova iniciativas conduxentes a reducir os prezos do servizo de banda ampla de internet nas zonas rurais e ailladas no Concello de Portas.
4. Acadar un convenio de colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria para promover a creación dunha rede sen fíos para acceso a internet no Concello de Portas.

Desenrolar un programa de dixitalización do Concello de Portas incidindo en tres liñas estratéxicas:

5. Creación de puntos de acceso gratuitos a internet nos centros culturais e sociais das catro parroquias: Briallos, Lantaño, Portas e Romai.
6. Fomento da administración electrónica para axilizar os trámites co Concello.
7. Desenrrolo dun programa de alfabetización dixital para promover o uso das novas tecnoloxías dende os máis novos ata os máis maiores.