28/12/2008

O Alcalde incumpre os acordos plenarios e non convoca o Pleno Ordinario de decembro

O Alcalde non convoca pleno ordinario en decembro, incumprindo a lei de Bases de Réxime Local e os acordos plenarios que el mesmo impuxera coa súa maioría absoluta, negándose ademáis a dar algún tipo de explicación.
Na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación Local do Concello de Portas de data 13 de xullo de 2007 estableceuse a periodicidade das sesións plenarias, cos únicos votos a favor do Partido Popular, textualmente: “unha cada dous meses, o último venres dos meses pares ás 14.50 h”. Coa excepción de: “se este día cadra en festivo, a sesión trasladarase á véspera ou ó seguinte día hábil”.
O acordo plenario incúmpreuse ao non celebrarse pleno o pasado venres 26 de decembro de 2008, que era último venres de mes par e non festivo.
O único obxectivo deste modo de proceder é imposibilitar que os concelleiros da oposición poidan programar as súas axendas cun mínimo de antelación, impedindo incluso a súa asistencia e evitando ter que responder ás súas preguntas.

Pleno Extraordinario

O martes 30 de decembro ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Lectura e aprobación actas anteriores.
2. Coñecemento resolucións Alcaldía.
3. Rogos e preguntas.

20/12/2008

O PP recorre á calumnia para ocultar a súa incapacidade política ante as iniciativas do BNG

Mentres o Concello navega sen rumbo e sen temón, algúns membros destacados do Partido Popular adícanse, para tapar os seus erros, a propagar mentiras e falsedades.
A estabilidade laboral dos traballadores do Concello é un dereito, non un favor do alcalde

O PP durante moitos anos negoulle os seus dereitos laborais a moitos empregados municipais, incumprindo o Estatuto dos Traballadores, xa que se lles facía un contrato temporal cando debería ser indefinido. Agora que conseguiron o que é deles por dereito, quere venderllo como un favor persoal, igual que o facía cando lles renovaban ano a ano.
Este persoal era e é necesario para o funcionamento do Concello polo que o Bloque sempre defendeu e pediu que os seus contratos fosen fixos. Agora o Partido Popular, que mantivo durante moito tempo nunha situación precaria e irregular a moitos dos traballadores do Concello, vai dicindo por aí que o BNG non quere que os empregados municipais que gañaron as prazas fixas as poidan acadar, o cal é unha desprezábel mentira. O PP debería explicar por qué durante 15 anos non se estabilizou laboralmente a este persoal e cales foron as formas empregadas nos concursos destas prazas, en lugar de difundir falsidades co único obxectivo de ocultar as súas propias miserias.

As irregularidades do alcalde na Xunta de Montes de Romai está a poñer en perigo importantes investimentos

A Xunta pretende construír unha depuradora de auga potábel para o abastecemento das parroquias de Lantaño, Portas e Romai, que se situará no monte veciñal de Romai, polo que necesita dunha cesión de terreos por parte da Comunidade de Montes, que foi aprobada en Asemblea Xeral. Non obstante, esta cesión pode traer problemas porque a xunta reitora da Comunidade de Montes de Romai tiña que ter convocado eleccións antes do 27 de xullo de 2007 cousa que non fixo, atopándose polo tanto en situación alegal así como todos os acordos que tomen.
Como o Partido Popular e máis o alcalde non son capaces de gobernar e resolver este problema, ocultan os seus fracasos e miserias, acusando ao BNG de opoñerse á construción da depuradora cando, evidentemente, o Bloque desexa a instalación da depuradora e canto antes. Debería ser o alcalde quen explique por qué a xunta reitora da Comunidade de Montes de Romai, da que el mesmo se autodefiniu como presidente en funcións, tardou máis de 16 meses en convocar eleccións, facendo que se poñan en risco importantes investimentos da Xunta de Galiza no noso concello e mantendo unha actitude bananeira e allea ao sentido común e o bo goberno que os veciños e veciñas de Portas queren.

12/12/2008

Portas perde as subvencións concedidas por Medio Rural por segundo ano consecutivo

Cos cartos perdidos poderíanse crear empregos e protexer ás vivendas contra o lume

Unha vez máis o Concello de Portas renunciou en 2008 a 36.000 euros procedentes da Consellaría do Medio Rural para a limpeza das zonas próximas aos núcleos. Debido á inoperancia do grupo de goberno do Partido Popular, en dous anos o Concello deixou de ingresar 12 millóns de pesetas que poderían crear varios postos de traballo durante todo o ano, e evitar os riscos de lumes preto das casas no verán.

09/12/2008

Asemblea Local de Portas

O venres 12 de decembro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse sobre a Lotería de Nadal.
Rógase puntualidade.

02/12/2008

Asemblea Local de Portas

O venres 5 de decembro ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.