28/11/2008

Escándalo na Azucreira

Por moito que o Sr. Alcalde teña a desvergoña de negalo, tal como fixo no seu discurso na Festa da 3ª Idade e como fai en todos os sitios onde ten a oportunidade, para a contrucción do edificio da Azucreira, a Consellaría de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar investiu 1.162.863,01€ e a Consellaría de Cultura e Deporte 365.000,00€ (ambas consellarías están gobernadas polo BNG), de modo que o Concello de Portas recibiu para estas obras máis de millón e medio de euros (260 millóns de pesetas), ao que hai que engadir achegas doutras consellarías da Xunta e da Deputación. A pesares de que o Concello recibiu puntualmente os cartos correspondentes a todas as anualidades dos convenios asinados, a empresa constructora tivo que demandar ao Concello por impago, pois este quedou a deberlle 507.465,47€ (máis de 84 millóns de pesetas), aínda que a empresa executara as obras conforme ao proxecto constructivo e seguindo as ordes do Sr. Alcalde. Finalmente, o Concello de Portas foi condenado este ano en sentenza xudicial a pagar a débeda contraída. Como o concello non ten os cartos porque os gastou noutras cousas, o goberno municipal do PP tivo que solicitar outro crédito, e xa é o cuarto.
Durante anos o concello estivo a xustificar gastos na Azucreira para cobrar as subvencións da Xunta e sen embargo os cartos recibidos non se destinaron a pagar as obras para as que foran concedidos. Onde se meteron eses cartos? Quen xustificou indebidamente gastos que non se produciron porque non foron pagados?

24/11/2008

O tren marcha e a merda queda

O día 19 de xullo de 2008 pasou o último tren pola estación de Portas. Mentres, o goberno municipal do PP converte a finca da Azucreira nun vertedoiro ilegal con obras inacabadas, sen previsión para o seu remate e sen balados.
Os tres colectores de vidro que hai para todo o concello son insuficientes e sempre están desbordados. Pero o concello négase reiteradamente a buscarlle unha solución.
Os colectores de papel non están nunha mellor situación.

17/11/2008

Despilfarro e anti-cultura

Mentres o goberno municipal do PP despilfarra máis de 44.000 € (7 millóns de pesetas) nun concerto de Tamara na Festa da Emigración, o auditorio da Azucreira permanece inactivo case todo o ano.
O despropósito deste goberno municipal é tal que gasta máis nunha hora escasa de actuación de Tamara que en 15 anos na banda de música de Lantaño. Como é posible que o Concello se gaste máis en charangas para a Festa da Praia Fluvial que en todo o ano no Coro Domingo Fontán?
Peor tratados están os centros culturais de Romai e Lantaño e os equipos deportivos de Portas e Romai que non reciben nin un céntimo do Concello de Portas.
Esta non é a política cultural e deportiva que queremos para o noso Concello.

12/11/2008

Asemblea Local de Portas

O venres 14 de novembro ás 22:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.