30 de set. de 2008

O BNG esixe en Madrid un servizo ferroviario de cercanías en Galiza

Os deputados do Bloque Nacionalista Galego presentan unha moción no Congreso dos Deputados de Madrid sobre a disposición do Ministerio de Administracións Públicas a negociar coa Xunta de Galicia a transferencia de infraestruturas ferroviarias para a creación de servizos ferroviarios de cercanías xestionado pola Comunidade Autónoma. A moción foi aprobada e di así:

O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a iniciar antes de fin de ano un proceso de diálogo bilateral coa Xunta de Galicia, para abordar:

1º. O traspaso das infraestruturas que, por quedar fora de servizo pola apertura de novos trazados, deixen de estar afectadas pola rede estatal de interese xeral, para que poidan ser destinadas pola comunidada autónoma á implantación dos servizos ferroviarios de cercanías. Asimesmo, estudiarase coa Xunta de Galicia a posibilidade de interconexión de ambas redes nos casos que sexa necesario.

2º. A participación da Xunta de Galicia na planificación e programación das infraestruturas e servizos da rede do Estado que discurran por territorio galego e na autorización de operadores ferroviarios no territorio de Galiza.

3º. A competencia exclusiva da Xunta de Galicia na implantación de novas vías, non declaradas de interese xeral, que discurran integramente polo territorio da comunidade autónoma de Galicia.

Asimesmo, o Congreso dos Deputados insta ao Goberno a:

1º. Mantener os tramos que queden fora de servizo pola apertura de novos trazados de alta velocidade, de cara á súa inclusión como tramos da nova rede de cercanías galegas a implantar.

Pasamento do compañeiro Manuel Casal Solla - Padín

O luns 29 de setembro ás 20:45 h. o noso compañeiro Padín foi vítima dun accidente de tráfico en Romai por causa dun conductor bébedo.

A pesares dos esforzos dos servizos médicos non o puderon recuperar.

O seu corpo será velado no tanatorio de Barro.

O enterro celebrarase o mércores 1 de outubro ás 18:00 h. na igrexa de Valiñas (Barro).

Descanse en paz.

18 de set. de 2008

Pleno Extraordinario solicitado polo grupo municipal do BNG

O luns 22 de setembro ás 14:50 h. celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas solicitado polo grupo municipal do BNG coa seguinte orde do día:

1. Recuperación da Fonte Pública e Lavadoiro da Regueira en Fontenla-Cachadas e do seu entorno (Lantaño).
2. Cumprimento da entrega das copias das actas das sesións das Xuntas de Goberno Local no prazo de 10 días dende a súa celebración.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego lamenta a antidemocrática actitude do grupo de goberno do Partido Popular ao negar as solicitudes do BNG para que o pleno se celebre a unha hora máis axeitada para facilitar a asistencia dos veciños e veciñas, e de que a convocatoria do pleno se faga pública por medio de bandos.

5 de set. de 2008

Pleno Extraordinario solicitado polo grupo municipal do BNG

O BNG DE PORTAS DENUNCIA A PASIVIDADE DO GOBERNO MUNICIPAL DO PP DIANTE DA DESTRUCCIÓN DE PATRIMONIO PÚBLICO
O VENRES 5 DE SETEMBRO O BLOQUE PRESENTOU UNHA SOLICITUDE DE PLENO EXTRAORDINARIO NO CONCELLO PARA A RECUPERACIÓN DA FONTE PÚBLICA E LAVADOIRO DA REGUEIRA EN FONTENLA (LANTAÑO)

O luns 18 de febreiro de 2008, un particular destruíu a Fonte Pública e Lavadoiro da Regueira no lugar de Fontenla-Cachadas, parroquia de Lantaño.

A pesares das protestas dos veciños e veciñas do lugar e de que a desaparición da Fonte-Lavadoiro sucedeu hai máis de 6 meses, o Goberno Municipal do Partido Popular, incumprindo acordos plenarios, non tomou medidas para o seu restablecemento, negándose incluso a responder ás preguntas do Bloque realizadas nos plenos ordinarios.

No pleno ordinario de 25 de abril, no que se incluíu unha moción do BNG de Portas para tratar da recuperación da Fonte-Lavadoiro, tomouse o acordo unánime de fixar un prazo de 3 meses para que o infractor procedese a restablecer a legalidade urbanística e á reconstrución do Lavadoiro.

Pasado o prazo establecido en acordo plenario sen que se repuxese a Fonte-Lavadoiro nin a legalidade urbanística e ante a pasividade do Goberno do Partido Popular, o BNG toma a iniciativa de convocar un pleno extraordinario e forzar a toma de decisións.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que o Concello de Portas debe informar das xestións levadas a cabo para a reposición da Fonte-Lavadoiro e o seu entorno, proceder subsidiariamente á reconstrución de forma urxente da Fonte-Lavadoiro, sancionar ao infractor e delimitar a propiedade municipal para garantir o acceso público e libre.

1 de set. de 2008

Fuxida do Alcalde

O pasado venres 29 de agosto o Sr. Alcalde suspendeu a sesión do Pleno Ordinario que se estaba a celebrar na Casa do Concello cando o voceiro do BNG estaba no seu turno de Rogos e Preguntas.
A suspensión do Pleno chegou cando o voceiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego estaba a preguntar sobre a destrucción da Fonte-Lavadoiro de Fontenla-Cachadas o pasado 18 de febreiro. O Alcalde incómodo pola presenza de veciños e veciñas que lle reclamaban a súa actuación en contra do destructor da Fonte, decidiu suspender o Pleno e fuxir apresuradamente deixando plantados a todo o resto da Corporación Local e aos veciños alí presentes, incluídos os seus compañeiros do Grupo de Goberno. Sen motivo e sen dar explicacións.
Unha vez máis o Alcalde se nega a responder ás preguntas da oposición. Nunhas ocasións retírasenos a palabra por dicir verdades que lle incomodan, noutras ocasións simplemente non se nos responden as preguntas alegando que se nos responderán por escrito, cousa que logo non sucede, e noutras ocasións directamente suspéndese a sesión prematuramente co único obxectivo de silenciar a nosa voz.