16 de xan. de 2008

O BNG defende unha iniciativa conxunta dos tres grupos parlamentares galegos para demandar o mantemento do servizo na Estación de Portas

O mércores 16 de xaneiro, ás 20:30 h., tivo lugar en Pontevedra unha reunión entre representantes do BNG e membros da Coordinadora "Portas non pode perder o tren" para abordar a problemática do tren en Portas. Nesta reunión, á que asistiron por parte do BNG a responsábel comarcal, Anxos Riveiro e a deputada no Parlamento Galego, Carme da Silva, o Bloque Nacionalista Galego plantexoulles aos veciños e veciñas o seu posicionamento a respeito do servizo ferroviario e da estación de Portas, que se pode sintetizar nos seguintes puntos:
1.- O BNG aposta clara e firmemente pola creación en Galiza, por parte do Ministerio de Fomento, dun servizo ferroviario de proximidade e a súa posterior transferencia a Galiza.
2.- É necesario potenciar o ferrocarril como medio de transporte público eficiente e ecolóxico, tanto para viaxeiros como para mercadorías.
3.- A posta do servizo ferroviario de altas prestacións do Eixo Atlántico, AVE, non pode supoñer unha diminución na calidade do servizo, nin unha diminución dos servizos prestados na actualidade, senón un incremento cualitativo e cuantitativo dos mesmos.
4.- O BNG sempre mantivo a necesidade de manter o servizo na estación de Portas: presentando alegacións cando se someteu a exposición pública o estudo informativo, gobernando o PP no Estado, e coa oposición do alcalde do PP de Portas ás mesmas.
5.- O BNG presentou o 17 de decembro de 2007 unha iniciativa no Congreso sobre a necesidade de escoitar as demandas da sociedade de Portas e o mantemento do servizo na estación ferroviaria de Portas, única iniciativa ao respecto presentada nas Cortes do Estado (recordemos que estamos a falar dunha competencia do estado).
6.- O BNG defende a necesidade de que haxa unha postura unánime no Parlamento galego dos tres grupos ao respecto do mantemento do servizo na estación de Portas, xa que logo desde o noso grupo parlamentar entendemos que a figura máis acaída sería a presentación dunha iniciativa conxunta dos tres grupos parlamentares, que recolla o sentir e as demandas da coordinadora "Portas non pode perder o tren" en defensa da estación de Portas.

Ningún comentario: