15 de dec. de 2007

En Defensa do Ferrocarril en Portas

O Bloque Nacionalista Galego, totalmente comprometido coa loita dos veciños, reclama a unidade de todas as forzas vivas do Concello en defensa do tren na nosa localidade, sen protagonismos estériles e enfrontamentos que só nos dividen, facilitando as maniobras do Adif.
O grupo municipal do Bloque de Portas fixo, está a facer e fará todo o que estea na súa man na defensa do tren no Concello de Portas. Estas son algunhas das iniciativas máis representativas levadas a cabo polo Bloque de Portas dende hai 10 anos en relación ao ferrocarril como servizo público necesario para Portas:
1. O 29 de xuño de 1997 celébrase un Pleno Extraordinario no Concello de Portas solicitado polo BNG para tratar sobre o Estudo Informativo do proxecto “mellora do eixo ferroviario Redondela-Santiago-A Coruña”. Na moción do BNG esixíase ao Ministerio de Fomento garantías de que o novo trazado para o tren de alta velocidade contemplase a continuidade da actual estación de Portas, ademáis de incluir a supresión de todos os pasos a nivel existentes no concello. O Alcalde popular Roberto Vázquez quitoulle importancia ao Estudo Informativo a pesares dos reiterados avisos da relevancia do asunto que fixeron os representantes do BNG. A acta da sesión plenaria recolle: “la Presidencia manifiesta que porque se realice un estudio no significa que se lleve a cabo".
2. En marzo de 1998 o BNG de Portas presenta unha serie de Mocións en defensa da Estación de Portas e a supresión dos pasos a nivel existentes no Concello de Portas ante o Parlamento de Galicia.
3. O 24 de abril de 1998 celébrase un Pleno Extraordinario no Concello de Portas a petición do Bloque para debater sobre as tres alternativas que presenta o estudo informativo do proxecto de construcción da futura liña de alta velocidade. O Bloque esixe que se execute a primeira das opcións, que supón a reforma do actual trazado mantendo a actual Estación de Portas ademáis da supresión dos pasos a nivel existentes. O Alcalde popular Roberto Vázquez só considera como perxudicados a aqueles a quen o novo trazado collese terras, mentras que a postura dos representantes do BNG é que tamén son perxudicados aqueles aos que se lles prive do servizo ferroviario. O Alcalde tamén manifesta que non estaría dacordo con que xurdira unha Plataforma Veciñal en Defensa da continuidade da Estación e a súa mellora.
4. En abril de 1998 o BNG de Portas publica un “Boletín Municipal” fixando a súa posición fronte á variante Portas-3, que é o trazado que hoxe está construido, contra a desaparición da Estación de Portas e reclamando a supresión dos pasos a nivel no concello. Presentouse unha campaña de alegacións contra o proxecto, implicando aos concellos veciños, e organizáronse actos informativos en todas as parroquias ao longo do mes de maio de 1998.
5. En maio de 1998 o Bloque presentou alegacións contra a variante Portas-3, reclamando a permanencia da actual Estación de Portas e a supresión dos pasos a nivel existentes. Estas alegacións foron apoiadas por 3000 sinaturas e presentadas ante o Ministerio de Fomento: Secretaría de Estado de Infraestruturas e Transportes.
6. O 10 de febreiro de 2005 celebrouse un Pleno Extraordinario no Concello de Portas solicitado polo BNG no que se solicitan a Fomento a corrección de numerosos danos que lle están a causar as obras da nova liña de ferrocarril aos veciños. O punto 5 da moción presentada di:
“Solicitar o aumento de trens con parada en Portas e trasladar o acordo aos concellos que contan con pequenas estacións ou apeadeiros, Caldas de Reis, Catoira, Barro, Vilaboa, Soutomaior …”.
A acta da sesión recolle: “Sometido o punto a votación pola Presidencia, obtén 6 votos en contra do Partido Popular e 4 votos a favor do BNG, PSOE e CIP”.
7. O 26 de outubro de 2007 o BNG realiza en Pleno ordinario da Corporación Municipal a seguinte pregunta:
O tramo de tren de alta velocidade que pasa por Portas (Lantaño-Valiñas) segundo as previsións vai a entrar en servizo polo mes de febreiro do vindeiro ano. Cal é a previsión de Renfe ou Adif para a liña actualmente en servizo?, e cal vai a ser a postura que tome o Concello de Portas ante un posible peche da liña actual?”.
A resposta da Presidencia foi: “non sei nada” e concluiu pedíndolle ao voceiro do BNG: “pasa á seguinte pregunta”.
8. O 17 de decembro de 2007 Olaia Fernández, deputada do BNG no Congreso dos Deputados en Madrid, presentou unha moción no Congreso do Estado solicitando a permanencia da Estación de Portas e a creación dunha liña de trens de cercanías no eixo atlántico ferroviario.


A actuación do BNG basease en catro liñas básicas:
1. Buscar a unidade de acción nas forzas políticas do Concello, mediante a adopción de acordos plenarios.
2. Informar aos veciños.
3. Apoiar a iniciativa dos veciños.
4. Xestionar e trasladar as peticións dos veciños aos centros de poder e toma de decisións.