8 de maio de 2007

O BNG impulsará a creación dun parque empresarial en Portas


Se o grupo do BNG acadamos o goberno municipal de Portas, impulsaremos a creación dun “Parque Empresarial” no concello, (que non polígono industrial), onde empresas e negocios de carácter non contaminante se poidan establecer nunhas condicións vantaxosas e cuns servizos axeitados ás súas necesidades, que permitan a consolidación dun tecido empresarial sólido e a creación de postos de traballo que fixen a poboación xoven de Portas, trocando a preocupante situación actual de continua perda de habitantes. Neste senso, asinaríanse acordos de colaboración entre o Concello e as empresas para que estas contraten persoal empadroado en Portas co obxetivo dun beneficio mutuo.
Está proposta vai en firme se os veciños queren, pois xa se levan tido conversas e reunións cos delegados e responsables de XESTUR, Consellaría de Vivenda e Solo e Consellaría de Innovación e Industria.
As empresas só se poderían establecer neste polígono empresarial de cumpriren escrupulosamente o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas. Non admitiremos imposicións de empresas contaminantes como a da pretendida Cementeira. Por exemplo algunhas das empresas posibles serían: almacéns loxísticos, cooperativas, adegas, talleres, carpintarías de madeira, carpintarías de aluminio, ferreirías, aserradoiros, negocios de fontanería e electricidade, panificadoras, supermercados, hostalería, e outras non contaminantes.
O grupo municipal do BNG propón un “Parque Empresarial”, como un espazo ordenado e ben comunicado onde se concentren as empresas de modo que a prestación de servizos e a xestión dos residuos sexa máis doada e barata. Esta concentración da actividade empresarial atraerá clientes e posibilitará a aparición doutros negocios complementarios cun beneficio adicional.