5 de abr. de 2007

A alternativa gañadora para Portas




O sábado 31 de marzo tivo lugar na Casa da Cultura de Portas a presentación de Xabier Loureiro como candidato do BNG á Alcaldía do Concello de Portas.
Numerosos veciños e veciñas, entre eles representantes de todos os sectores sociais das parroquias, ateigaron por completo o local, demostrando que cada vez son máis as persoas de Portas que se identifican co proxecto de progreso e cambio que representa o BNG. A transformación que se está a producir no país, grazas ó labor que o BNG está a realizar desde o novo Goberno de Galiza, é preciso que se acade en todos os ámbitos posíbeis e, dun xeito fundamental, nos Concellos.
Por iso, a nova Xunta non quixo deixar de amosar o seu apoio a Xabier Loureiro e estivo representada neste acto a través dun dos conselleiros máis valorados polos cidadáns e cidadás de Galiza, Alfredo Suárez Canal, responsábel de Medio Rural. Tamén estiveron presentes o deputado Bieito Lobeira e o delegado provincial de Medio Rural, Gonzalo Constenla Bergueiro, mostrando o seu compromiso con Xabier Loureiro e tamén co noso Concello.
Tanto o Conselleiro de Medio Rural como Bieito Lobeira expresaron nas súas intervencións o convencemento de que Portas pode chegar a converterse nun Concello avanzado e desenvolvido, pois conta con recursos e riqueza de abondo para garantir un futuro mellor a todos os seus habitantes, superando o estado de atraso no que se atopa actualmente. Os dous manifestaron a súa total confianza no candidato do BNG para mudar esta situación, considerando que a súa experiencia e a súa capacidade fan del a persoa idónea para que Portas avance.

O acto pechou coa intervención de Xabier Loureiro que falou da problemática que o Concello arrastra por causa de anos de desgoberno do partido popular e das alternativas de futuro que esta situación precisa. Salientou o seu compromiso persoal coa terra na que naceu e na que vive e quer vivir, facendo fincapé no interese que ten en que os veciños e veciñas recuperen o orgullo de ser de Portas e das medidas que como alcalde tomará para mellorar a calidade de vida dos habitantes do Concello.
Xabier Loureiro expresou o seu desexo de contar con todos e animou a incorporarse a este proxecto a todos aqueles que queiran formar parte del.