10 de mar. de 2007

Xabier Loureiro: O alcalde para que Portas avance


O BNG decidiu que F. Xabier Loureiro Vázquez, veciño do lugar de Cachal, na parroquia de Lantaño encabezase a candidatura para as vindeiras eleccións municipais en Portas. Enxeñeiro Técnico Forestal e profesor técnico de Formación Profesional, é un traballador incansábel que leva ao pé de oito anos como Presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Lantaño, con gran dedicación ao desenvolvimento da parroquia e á conservación dos nosos recursos naturais.
Concelleiro desde o ano 2003, traballa con prudencia, paciencia e perseverancia en prol dos intereses, benestar e o progreso dos veciños e veciñas de Portas. Auténtico motor, reivindicador e defensor dos dereitos das persoas afectadas polas obras do tren ao seu paso polo concello ante as diferentes entidades resposábeis da obra.
Organizador e coordinador do colectivo de Comunidades de Montes e veciños voluntarios na defensa contra os incendios forestais deste último verán.
Motor do colectivo veciñal de Afectados pola cementeira Portas-Caldas que se pretendía instalar a tan só 500 metros do Colexio Público de Portas, industria de gran contaminación, sobre todo atmosférica. Colaborador con distintas asociacións culturais e deportivas do concello.

Destaca nel o seu carácter pacífico, o seu talante negociador e dialogante, de personalidade firme, solucionador e expeditivo, con ideas, proxectos claros e capacidade de decisión, unido a súa experiencia como docente e como xestor da Comunidade de Montes, fan de Xabier Loureiro o alcalde idóneo para a xestión do noso Concello.

O BNG márcase como obxectivo acadar un número de concelleiros e concelleiras suficiente para gobernar cunha maioría estábel, de xeito tranquilo, con transparencia, con diálogo pero tamén con firmeza e decisión.
Contamos cun equipo cheo de ilusión e gran capacidade de traballo, preparado para gobernar con compromiso e responsabilidade para todos os veciños e veciñas de Portas e para todas as parroquias.