28/12/2007

O BNG denuncia que o PP compromete axudas estatais á aportación do 25% das Comunidades de Montes

O venres 28 celebrouse en Portas un Pleno Extraordinario soliciatado polo BNG para abordar a reparación dos danos causados polas riadas do 2006.
O Estado Central concedeu subvencións para catro obras de reparación de muros no Concello de Portas por valor de 244.664,02 euros, condicionadas a un investimento pola mesma cantidade do Concello de Portas.
No pleno, o grupo de goberno do Partido Popular comprometeu a execución das obras subvencionadas a que as Comunidades Veciñais de Montes das parroquias afectadas aporten o 25% do custe total das obras. En caso de que as Comunidades de Montes non colaborasen no pagamento das obras, estas non se farían polo que o Concello de Portas deixaría de percibir as axudas estatais para reparar os danos das riadas.
A intervención do voceiro municipal do BNG, Xavier Loureiro, foi interrumpida polo Alcalde do Partido Popular cando se lle esixía que as obras subvencionadas fosen adxudicadas mediante concurso público, dicindo: “non diga vostede tonterías”. Acto seguido cortóuselle a palabra ao voceiro nacionalista, espetando o Alcalde: “porque vostede o que quere é facer o circo… e se non ten educación que a aprenda”.
O grupo municipal do BNG esixe que o Concello se comprometa a executar as obras independentemente da aportación das Comunidades de Montes, pois estas obras son competencia municipal. Tamén lamenta as formas e a actitude pouco democráticas do Alcalde popular Roberto Vázquez.

Ningún comentario: