28 de dec. de 2007

O BNG denuncia que o PP compromete axudas estatais á aportación do 25% das Comunidades de Montes

O venres 28 celebrouse en Portas un Pleno Extraordinario soliciatado polo BNG para abordar a reparación dos danos causados polas riadas do 2006.
O Estado Central concedeu subvencións para catro obras de reparación de muros no Concello de Portas por valor de 244.664,02 euros, condicionadas a un investimento pola mesma cantidade do Concello de Portas.
No pleno, o grupo de goberno do Partido Popular comprometeu a execución das obras subvencionadas a que as Comunidades Veciñais de Montes das parroquias afectadas aporten o 25% do custe total das obras. En caso de que as Comunidades de Montes non colaborasen no pagamento das obras, estas non se farían polo que o Concello de Portas deixaría de percibir as axudas estatais para reparar os danos das riadas.
A intervención do voceiro municipal do BNG, Xavier Loureiro, foi interrumpida polo Alcalde do Partido Popular cando se lle esixía que as obras subvencionadas fosen adxudicadas mediante concurso público, dicindo: “non diga vostede tonterías”. Acto seguido cortóuselle a palabra ao voceiro nacionalista, espetando o Alcalde: “porque vostede o que quere é facer o circo… e se non ten educación que a aprenda”.
O grupo municipal do BNG esixe que o Concello se comprometa a executar as obras independentemente da aportación das Comunidades de Montes, pois estas obras son competencia municipal. Tamén lamenta as formas e a actitude pouco democráticas do Alcalde popular Roberto Vázquez.

26 de dec. de 2007

Pleno Extraordinario solicitado polo grupo municipal do BNG

O venres 28 de decembro ás 15:15 h. celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas solicitado polo grupo municipal do BNG para tratar das axudas estatais para a reparación dos danos causados polas riadas acaecidas no concello en novembro de 2006.
No outono de 2006 produxéronse as peores riadas en moitos anos no Concello de Portas producindo graves desperfectos en camiños, muros e terrapléns.
O Ministerio de Administracións Públicas por medio da Dirección Xeral de Cooperación Local concedeu subvencións para catro obras de reparación de muros no Concello de Portas por valor de 244.664,02 euros, condicionadas a un investimento pola mesma cantidade do Concello de Portas.
O grupo de goberno do Partido Popular non ten intención de executar as obras subvencionadas, polo que o Concello de Portas deixaría de percibir as axudas estatais para reparar os danos das riadas.
Ante esta situación o grupo municipal do BNG esixe que se executen todas as obras subvencionadas mediante adxudicación en concurso público para a libre concorrencia de empresas constructoras.

25 de dec. de 2007

Pleno Ordinario

O venres 28 de decembro ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Aprobación conta xeral exercizo 2005.
3. Aprobación conta xeral exercizo 2006.
4. Coñecemento resolucións da alcaldía.
5. Rogos e preguntas.

15 de dec. de 2007

En Defensa do Ferrocarril en Portas

O Bloque Nacionalista Galego, totalmente comprometido coa loita dos veciños, reclama a unidade de todas as forzas vivas do Concello en defensa do tren na nosa localidade, sen protagonismos estériles e enfrontamentos que só nos dividen, facilitando as maniobras do Adif.
O grupo municipal do Bloque de Portas fixo, está a facer e fará todo o que estea na súa man na defensa do tren no Concello de Portas. Estas son algunhas das iniciativas máis representativas levadas a cabo polo Bloque de Portas dende hai 10 anos en relación ao ferrocarril como servizo público necesario para Portas:
1. O 29 de xuño de 1997 celébrase un Pleno Extraordinario no Concello de Portas solicitado polo BNG para tratar sobre o Estudo Informativo do proxecto “mellora do eixo ferroviario Redondela-Santiago-A Coruña”. Na moción do BNG esixíase ao Ministerio de Fomento garantías de que o novo trazado para o tren de alta velocidade contemplase a continuidade da actual estación de Portas, ademáis de incluir a supresión de todos os pasos a nivel existentes no concello. O Alcalde popular Roberto Vázquez quitoulle importancia ao Estudo Informativo a pesares dos reiterados avisos da relevancia do asunto que fixeron os representantes do BNG. A acta da sesión plenaria recolle: “la Presidencia manifiesta que porque se realice un estudio no significa que se lleve a cabo".
2. En marzo de 1998 o BNG de Portas presenta unha serie de Mocións en defensa da Estación de Portas e a supresión dos pasos a nivel existentes no Concello de Portas ante o Parlamento de Galicia.
3. O 24 de abril de 1998 celébrase un Pleno Extraordinario no Concello de Portas a petición do Bloque para debater sobre as tres alternativas que presenta o estudo informativo do proxecto de construcción da futura liña de alta velocidade. O Bloque esixe que se execute a primeira das opcións, que supón a reforma do actual trazado mantendo a actual Estación de Portas ademáis da supresión dos pasos a nivel existentes. O Alcalde popular Roberto Vázquez só considera como perxudicados a aqueles a quen o novo trazado collese terras, mentras que a postura dos representantes do BNG é que tamén son perxudicados aqueles aos que se lles prive do servizo ferroviario. O Alcalde tamén manifesta que non estaría dacordo con que xurdira unha Plataforma Veciñal en Defensa da continuidade da Estación e a súa mellora.
4. En abril de 1998 o BNG de Portas publica un “Boletín Municipal” fixando a súa posición fronte á variante Portas-3, que é o trazado que hoxe está construido, contra a desaparición da Estación de Portas e reclamando a supresión dos pasos a nivel no concello. Presentouse unha campaña de alegacións contra o proxecto, implicando aos concellos veciños, e organizáronse actos informativos en todas as parroquias ao longo do mes de maio de 1998.
5. En maio de 1998 o Bloque presentou alegacións contra a variante Portas-3, reclamando a permanencia da actual Estación de Portas e a supresión dos pasos a nivel existentes. Estas alegacións foron apoiadas por 3000 sinaturas e presentadas ante o Ministerio de Fomento: Secretaría de Estado de Infraestruturas e Transportes.
6. O 10 de febreiro de 2005 celebrouse un Pleno Extraordinario no Concello de Portas solicitado polo BNG no que se solicitan a Fomento a corrección de numerosos danos que lle están a causar as obras da nova liña de ferrocarril aos veciños. O punto 5 da moción presentada di:
“Solicitar o aumento de trens con parada en Portas e trasladar o acordo aos concellos que contan con pequenas estacións ou apeadeiros, Caldas de Reis, Catoira, Barro, Vilaboa, Soutomaior …”.
A acta da sesión recolle: “Sometido o punto a votación pola Presidencia, obtén 6 votos en contra do Partido Popular e 4 votos a favor do BNG, PSOE e CIP”.
7. O 26 de outubro de 2007 o BNG realiza en Pleno ordinario da Corporación Municipal a seguinte pregunta:
O tramo de tren de alta velocidade que pasa por Portas (Lantaño-Valiñas) segundo as previsións vai a entrar en servizo polo mes de febreiro do vindeiro ano. Cal é a previsión de Renfe ou Adif para a liña actualmente en servizo?, e cal vai a ser a postura que tome o Concello de Portas ante un posible peche da liña actual?”.
A resposta da Presidencia foi: “non sei nada” e concluiu pedíndolle ao voceiro do BNG: “pasa á seguinte pregunta”.
8. O 17 de decembro de 2007 Olaia Fernández, deputada do BNG no Congreso dos Deputados en Madrid, presentou unha moción no Congreso do Estado solicitando a permanencia da Estación de Portas e a creación dunha liña de trens de cercanías no eixo atlántico ferroviario.


A actuación do BNG basease en catro liñas básicas:
1. Buscar a unidade de acción nas forzas políticas do Concello, mediante a adopción de acordos plenarios.
2. Informar aos veciños.
3. Apoiar a iniciativa dos veciños.
4. Xestionar e trasladar as peticións dos veciños aos centros de poder e toma de decisións.