28/05/2007

Análise dos resultados electorais

Os resultados das eleccións municipais do 27 de maio de 2007 no concello de Portas foron os seguintes:
Con estes resultados e aplicando a lexislación electoral, o Partido Popular resultou gañador das eleccións municipais correspondéndolle 7 concelleiros, o Bloque Nacionalista Galego acadou 3 concelleiros e o PSdG-PSOE obtivo un representante.
Este resultado é un pouco enganoso, de feito o PP gañou un concelleiro por escasos 20 votos e no Bloque estivemos moi preto de acadar o cuarto concelleiro.
Ademáis está o tema do voto cautivo da emigración que masivamente foi a parar ao Partido Popular. Deberíamonos preguntar se o PP tería os mesmos resultados sen as viaxes do alcalde á Arxentina unha semana antes do comezo da campaña electoral.
A reforma electoral do voto emigrante faise cada vez máis necesaria e urxente, e non para recortar dereitos a ninguén senón para dar maior transparencia e garantía en todo o proceso.

12/05/2007

Mitin do BNG en Portas

VENRES 18 DE MAIO

intervirán

SUSANA ANTÓN
Membro da candidatura
GONZALO CONSTENLA
Delegado provincial da Consellería do Medio Rural
ARTURO FONTÁN
Membro da candidatura
OLAIA FERNÁNDEZ
Deputada do BNG no Congreso dos Deputados en Madrid
XAVIER LOUREIRO
Candidato á alcaldía

Lugar: Escola de Nenas de San Xoan de Portas
Hora: 9:30 da noite

08/05/2007

O BNG impulsará a creación dun parque empresarial en Portas


Se o grupo do BNG acadamos o goberno municipal de Portas, impulsaremos a creación dun “Parque Empresarial” no concello, (que non polígono industrial), onde empresas e negocios de carácter non contaminante se poidan establecer nunhas condicións vantaxosas e cuns servizos axeitados ás súas necesidades, que permitan a consolidación dun tecido empresarial sólido e a creación de postos de traballo que fixen a poboación xoven de Portas, trocando a preocupante situación actual de continua perda de habitantes. Neste senso, asinaríanse acordos de colaboración entre o Concello e as empresas para que estas contraten persoal empadroado en Portas co obxetivo dun beneficio mutuo.
Está proposta vai en firme se os veciños queren, pois xa se levan tido conversas e reunións cos delegados e responsables de XESTUR, Consellaría de Vivenda e Solo e Consellaría de Innovación e Industria.
As empresas só se poderían establecer neste polígono empresarial de cumpriren escrupulosamente o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas. Non admitiremos imposicións de empresas contaminantes como a da pretendida Cementeira. Por exemplo algunhas das empresas posibles serían: almacéns loxísticos, cooperativas, adegas, talleres, carpintarías de madeira, carpintarías de aluminio, ferreirías, aserradoiros, negocios de fontanería e electricidade, panificadoras, supermercados, hostalería, e outras non contaminantes.
O grupo municipal do BNG propón un “Parque Empresarial”, como un espazo ordenado e ben comunicado onde se concentren as empresas de modo que a prestación de servizos e a xestión dos residuos sexa máis doada e barata. Esta concentración da actividade empresarial atraerá clientes e posibilitará a aparición doutros negocios complementarios cun beneficio adicional.

05/05/2007

Entrevista con Xabier Loureiro, candidato do BNG á Alcaldía

Na actualidade eres concelleiro pola CIP, e vas encabezar a candidatura do BNG. Que motivos avalan a túa decisión?
Eu son unha persoa con especial sensibilidade pola miña terra, polo meu concello. Síntome orgulloso de ser de Portas, toda a miña familia e gran parte dos meus amigos o son, aquí teño as miñas profundas raíces e aquí quero vivir, polo que me sinto na obriga de comprometerme con esta terra, coas persoas que aquí viven, coas que tiveron que emigrar e voltaron, coas que están desexando facelo. Ao mesmo tempo son un defensor do galego, a fala amplamente maioritaria no noso concello, quero que os nenos e nenas poidan falar galego sen prexuízos cando van ao instituto ou á universidade, que todos nos sintamos con orgullo de ser de Portas, un concello maioritariamente rural que ensalza os seus valores auténticos; quero recuperar ese prestixio de que cando nos pregunten de onde somos digamos: “de Portas” coa boca chea. Síntome dende neno comprometido coa defensa do noso, o pobo, a terra, a fala.
Por outra banda, levo catro anos sendo concelleiro por Coalición Independente de Portas pero formando parte do grupo mixto integrado polo BNG e CIP, comprobando que a concordancia de ideas sensatas era un feito real, incluso coa outra forza política que formamos o grupo da oposición. Finalmente, decidín encabezar a lista do BNG en Portas, porque é con quen máis me sinto identificado, sobre todo porque é esta forza política a que mellor defende os nosos intereses, a que máis puxa para a nosa casa. Quero que se acabe o ter que abandonar o que máis se quere, que teñamos un mínimo de servizos básicos e poidamos ser felices aquí, e ademáis e moi importante, porque no BNG ten cabida calquera que queira defender o noso.

Como ves a situación do Concello?
O noso concello, conta cunha situación xeográfica privilexiada, perto de Caldas, Vilagarcía, Pontevedra, incluso Vigo e Compostela, e a pesar diso segue a perder poboación. Nos últimos catro anos o censo pasou de ser próximo a 3.500 a achegarse actualmente aos 3.000. Esta é unha proba máis que evidente de que o noso concello está en recesión. Na miña opinión debido ó desgoberno e desgana dun rexedor que xoga a ser alcalde nos seus intres libres, cando non se ten que dedicar aos seus negocios, o cal é lícito, pero entón, non pode estar cobrando 36.000€ ao ano por unha dedicación exclusiva que non cumpre no máis mínimo. Non ten proxecto nin ideas, proba é que nunca se aprobaron uns orzamentos anuais, só se fan cousas pensando nos réditos en votos que se obterán cando se achega o momento das eleccións.
A democracia neste concello é inexistente, vivimos nunha dictadura, os plenos son frustrantes, non existe o razoamento, nin a lóxica, nin o sentido común. Eu invitaría aos meus veciños a asistir a algún pleno. O que funciona no noso concello é a cultura do medo, de vender dereitos por favores. Ninguén pode opinar algo que sinxelamente non concorde co que di o alcalde por temor a represalias; ese temor nótase nas persoas deste concello, penso que é unha situación que hai que mudar.

Non hai Plan Xeral de Ordenación Municipal que posibilite aos nosos xóvenes facer as súas casas e vivir no noso concello. Malia as grandes cantidades de diñeiro recibido da UE e das distintas administracións estatais para infraestructuras como o saneamento, este non está concluído en ningún sitio. A auga “potable” do servizo municipal nas parroquias de Portas, Romai e Lantaño provén dun punto de captación no río Umia que curiosamente esta situado a uns 950m máis abaixo do punto de vertido do alcantarillado da parroquia de Lantaño... Eu penso que a ningún veciño de Portas se lle ocorrería facer isto.
A mocidade, a cultura, o deporte están abandonados, o sector socieconómico e empresarial non se activa, non se crean postos de traballo, as comunidades de montes están sendo responsábeis de competencias que tiñan que ser do concello en troques de formalizarse colaboracións para facer obras conxuntas.
O alcalde non defende os dereitos dos veciños e adícase a ir a remolque, a ser un oportunista cando se achega unha solución a algún problema e tentar apuntarse o tanto, como por exemplo o ocorrido coas obras do tren. Moitos aspectos hai que mellorar.
Que propostas farías?
É de vital importancia que chegue a democracia ó noso concello, promover a interlocución cos diferentes sectores sociais, podéndose crear consellos de participación veciñal en cada parroquia.
Facer do concello unha institución receptiva da cal todos nos sintamos parte, que resolva os problemas con axilidade e transparencia.
Temos que sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal consensuado cos veciños e dar a posibilidade aos homes e mulleres de Portas de poder facer as súas casas sen necesidade de marchar a outros concellos a vivir en pisos. Procurar que o noso municipio, de vocación residencial, sexa un lugar agradable para vivir, con servizos e calidade de vida. O concello debe actuar como motor tentando crear emprego e fixar a riqueza, poñer en valor os abundantes recursos naturais, patrimoniais e culturais que posuímos e que atraian á xente favorecendo o turismo, coordinando e planificando con outros entes institucionais.
Nas parroquias, é necesario mellorar a situación dos centros socioculturais, das instalacións deportivas, das escolas primarias, axudar ás diferentes asociacións, fomentar o asociacionismo xuvenil, crear actividades para eles, para o cal temos diseñado un plan de acción parroquial que se deberá coordinar cos consellos de participación veciñal de cada parroquia e coa Consellaría de Cultura e Deporte.
Queremos solventar o problema do saneamento e do abastecemento de auga, polo que se debe estudiar a posibilidade de buscar outros puntos de captación de auga e da instalación dunha depuradora axeitada.
Fomentar o asociacionismo entre as comunidades de montes para que, elas mesmas poidan mellorar a súa xestión, crear convenios de colaboración coa Consellería de Medio Rural, posibilitando así a execución de accións silvícolas, rozas, podas, camiños, plans de prevención e defensa contra incendios forestais, etc.
Para quen queres gobernar?
Serei un alcalde que goberne para Portas no seu conxunto global, para todos e todas, e quero facelo con diálogo, transparencia, proxectos, ideas claras, firmeza e decisión.
Conto para iso cun equipo de persoas preparadas, auténticas, responsábeis, proba diso é o compromiso de formar parte deste gran proxecto do próximo goberno municipal, e o traballo que levan desempeñado nos últimos anos nas súas parroquias e lugares, nos seus entornos sociais e culturais.
Para lograr isto todos somos necesarios, polo que quero contar con todos e animo a incorporarse a este proxecto a todos aqueles que queiran formar parte del, quero que desta volta se fixen no noso proxecto e confien en nós, e para iso o mellor e estar dentro del.
Noutra liña, dicir que o alcalde é o representante de todos os veciños e veciñas do concello e ten que velar polos seus intereses. Un alcalde non pode estar ausente en problemas como os ocorridos polas obras do tren, (expropiacións, casas e camiños estragados, pozos sen auga…) ou das expropiacións para as estradas.
En casos como este o alcalde debe ser o acugulador do pobo e defender de verdade, con compromiso, os dereitos de todos os veciños e veciñas, sen distinción.